
O Concello impulsa o comercio local con EMPRENDECO-POBRA
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá o programa municipal de novas aperturas comerciais EMPRENDECO-POBRA, unha iniciativa destinada a apoiar o emprendemento local, favorecer a ocupación de baixos comerciais baleiros e dinamizar o tecido económico e comercial do municipio.
O proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña e nace coa vontade de converterse nunha ferramenta útil para facilitar que novas persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos comerciais na Pobra do Caramiñal.
Na rolda de prensa participaron Amparo Cerecedo, concelleira de Promoción Económica; Sara Sánchez, técnica de Turismo e Promoción Económica; Marta Rodríguez, directora de Marela Projects; Paola Sight, deseñadora gráfica de Ingenyus; e Fátima Rodríguez, xerente do Coworking Pobra.
Durante a presentación, Amparo Cerecedo explicou a orixe e os obxectivos do programa, destacando a importancia de impulsar iniciativas que favorezan o comercio local e a recuperación de espazos comerciais actualmente sen actividade, así como o apoio da Deputación da Coruña para facer posible esta iniciativa.
Pola súa banda, Sara Sánchez detallou o funcionamento do premio EMPRENDECO-POBRA, que permitirá ás persoas beneficiarias acceder ao uso dun local comercial en réxime de alugueiro durante un ano, ademais dunha axuda económica para afrontar gastos iniciais e dun servizo de acompañamento técnico e mentoring.
O programa está dirixido tanto a persoas físicas como xurídicas que conten cun proxecto comercial viable e queiran desenvolvelo no municipio. As candidaturas deberán presentar unha solicitude normalizada, acompañada dunha memoria ou plan de empresa e da documentación básica requirida nas bases da convocatoria.
Tamén interviñeron Marta Rodríguez, que presentou o plan de difusión e captación de participantes; Paola Sight, que explicou o concepto da imaxe de marca de EMPRENDECO-POBRA e os materiais promocionais elaborados para a campaña de lanzamento; e Fátima Rodríguez, que destacou o apoio que prestará o Coworking Pobra ás persoas interesadas, ofrecendo orientación e asesoramento na preparación das candidaturas.
Durante o acto tamén se realizou un chamamento aos propietarios de baixos comerciais e ás inmobiliarias da comarca para que se informen sobre a posibilidade de incorporar os seus locais á bolsa municipal de alugueiros. Neste sentido, anunciouse a celebración dunha reunión informativa o vindeiro 28 de maio no Coworking Pobra, na que se explicará o funcionamento da bolsa e os pasos necesarios para adherirse ao programa.
Desde o Concello sinalan que EMPRENDECO-POBRA representa unha aposta decidida polo comercio de proximidade, pola creación de oportunidades económicas e pola revitalización urbana da Pobra do Caramiñal.






