
O Concello presenta o VII Concurso de Embelecemento de Balcóns, Fachadas e Núcleos Veciñais cunha nova categoría colectiva
A iniciativa incorpora a participación de grupos de veciños e veciñas, cun mínimo de seis vivendas, que poderán optar á organización dun evento durante o Entroido de 2027.
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a sétima edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns, Fachadas e Núcleos Veciñais, unha iniciativa que chega este Nadal cunha importante novidade: a incorporación dunha categoría colectiva que permitirá aos veciños e veciñas organizarse para decorar conxuntamente os seus barrios e núcleos de poboación.
Na presentación participaron a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e Sara Sánchez, técnica da área, que foi a encargada de explicar os detalles técnicos e as condicións de participación do certame.
Durante a súa intervención, Amparo Cerecedo puxo o foco na importancia de crear comunidade a través desta iniciativa, destacando que o concurso pretende ir máis alá da decoración individual das vivendas e converterse nunha oportunidade para fortalecer os vínculos veciñais, fomentar a colaboración e implicar a cidadanía na creación dun ambiente de Nadal compartido. A incorporación da nova categoría colectiva busca precisamente favorecer que os barrios e núcleos de poboación se organicen arredor dun proxecto común.
Pola súa banda, Sara Sánchez detallou o funcionamento do concurso, que contará con dúas modalidades. Na categoría individual poderá participar calquera persoa propietaria ou arrendataria dunha vivenda situada no municipio que dispoña dunha fachada visible desde a vía pública. Na categoría colectiva poderán inscribirse grupos formados por un mínimo de seis vivendas dun mesmo núcleo de poboación, que deberán designar unha persoa representante.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 18 de novembro ao 4 de decembro, ambos os dous incluídos. As solicitudes poderán presentarse a través do correo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.
As decoracións deberán estar instaladas como máximo o 9 de decembro e manterse ata o 6 de xaneiro de 2027. Ademais, as persoas participantes deberán enviar polo menos catro fotografías da súa proposta para facilitar a valoración por parte do xurado.
En canto aos premios, na categoría individual establécese un primeiro premio de 600 euros e cinco segundos premios de 300 euros cada un, un por parroquia. Os premios consistirán en vales de compra (Caramiñas) para gastar no comercio local. Na categoría colectiva, o grupo gañador recibirá como premio a organización e celebración dun evento durante o Entroido de 2027, cunha data que se determinará de común acordo entre o Concello e o grupo premiado.
O xurado valorará aspectos como a orixinalidade e creatividade das composicións, a calidade ornamental, a harmonía do conxunto, a laboriosidade e outros elementos, como a iluminación. O resultado darase a coñecer o 17 de decembro.
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nesta nova edición, tanto individualmente como en grupo, contribuíndo a embelecer o municipio e a facer do Nadal unha celebración compartida en toda a Pobra do Caramiñal.
As bases completas: ANUNCIO BASES


