
A Pobra do Caramiñal organizará en verán unha nova oferta de visitas ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas
A Pobra do Caramiñal celebrará en verán un programa de visitas ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, foi a encargada de presentar esta iniciativa municipal, coa que se busca “pór en valor os recursos turísticos que temos en Galicia, demostrando que non é preciso ir moi lonxe para atopar lugares de gran riqueza e valor como as Illas Altánticas” e, completou, “animamos a todas as persoas que aínda non tiveron oportunidade de visitalas a facer a súa reserva e achegarse ata a Pobra do Caramiñal para gozar desta viaxe”.
Durante a conferencia de prensa na que se deu a coñecer a nova edición, a responsable da área de Turismo estivo acompañada pola técnica municipal, Ángeles Tubío, e pola directora da navieira Piratas de Nabia, María Jesús Acuña, que destacou a importancia de “reservar con antelación, xa que chegada a época de verán as prazas esgótanse en moi pouco tempo e isto é necesario para lograr obter o permiso de acceso á illa” e salientou que, en caso de non poder acudir, “se os motivos son racionais somos flexibles nas cancelacións e na devolución da contía abonada”.
As actividades
O programa desenvolverase entre os meses de xuño e setembro, ofrecendo un total de seis rutas ás Cíes, Ons e Sálvora. Por unha banda, para as Cíes, as actividades celebraranse o 29 de xuño e o 7 de setembro (saída ás 9.30 e regreso ás 19.15 horas). Pola outra, as propostas en Ons están previstas para o 27 de xullo e o 10 de agosto (con saída ás 11.00 e regreso ás 19.15 horas). Ademais, a área de Turismo do Concello xestiona un tour a Sálvora o 20 de xullo (saída ás 11.00 e regreso ás 19.00 horas) e outra o 23 de agosto (con saída ás 18:00 e regreso ás 00:30 horas).
Observación de estrelas
O horario de tarde-noite e a súa certificación como destino Starlight serán as principais características desta saída a Sálvora, xa que a travesía centrarase na observación das estrelas.
Todas as excursións terán como punto de partida o Porto da Pobra do Caramiñal. No que respecta ás diurnas, o prezo da actividade inclúe o traxecto en barco e unha ruta guiada por unha persoa experta. Na nocturna de Sálvora, ofrécese a viaxe en barco e, ademais, as explicacións por parte dunha persoa especializada en astronomía.
As persoas interesadas deberán realizar as súas reservas a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono 986 32 00 48. Poden obter máis información sobre o programa na oficina de turismo, localizada no parque do Castelo, ou enviando un correo a turismo@apobra.gal.




