
A Pobra ofrece unha nova edición do curso de exercicio terapéutico baseado no Tai-Chi
A Concellería de Promoción Económica da Pobra do Caramiñal pon en marcha unha nova edición do curso de exercicio terapéutico baseado no Tai-Chi que se desenvolverá nos centros socioculturais da Ribeiriña e do Vilariño.
As sesións serán impartidas polo fisioterapeuta e instrutor de Tai Chi Chuan Sergio García, e terán lugar os mércores ás 19:00 horas no centro sociocultural do Vilariño, e os xoves ás 10:00 horas no da Ribeiriña.
A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, destacou que “a boa acollida da edición anterior —tal e como nos transmitiron as persoas participantes— motivou a organización desta nova convocatoria, que contribuirá novamente ao benestar físico e emocional da cidadanía, ao tempo que se favorece a dinamización dos centros socioculturais coa programación de actividades no rural”.
O curso dará comezo o vindeiro 15 de maio e prolongarase ata finais de agosto, cunha duración dunha hora por sesión.
Cada grupo contará cun máximo de dez prazas. As persoas interesadas deberán tramitar a súa inscrición a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com, podendo inscribirse un máximo de dúas persoas por cada correo enviado. Será necesario indicar o nome e apelidos, DNI, teléfono de contacto e o grupo no que se desexa participar.