
O Concello conclúe as obras de reparación do paseo dos Areos
O Concello da Pobra do Caramiñal concluíu, recentemente, as obras de reparación do paseo dos Areos. O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, achegáronse ao lugar para comprobar o resultado dos traballos, que definiron como “fundamentais” para garantir a seguridade neste tramo.
A actuación foi impulsada con carácter urxente polo Concello debido ao deterioro causado polas mareas e temporais nun tramo de aproximadamente 90 metros lineais que podía chegar a comprometer a circulación na DP-6703, unha das vías principais do municipio.
O rexedor incidiu en que os traballos “non correspondían ao Concello, senón a outras administracións, pero decidimos facelo por esta vía xa que o que estaba en xogo era a seguridade dos veciños e veciñas”.
Pola súa parte, a edil salientou que “consideramos prioritario levala a cabo á maior brevidade para poder garantir que non se produciran danos maiores. Desta maneira puidemos estabilizar a estrutura, como xa se fixera anteriormente de maneira exitosa noutro tramo do paseo”.
O proxecto incluíu o recalce da cimentación por bataches, cunha penetración de 80 centímetros respecto á rasante actual da area, completándose posteriormente co recheo con formigón.



