Últimas Novas

María Canosa, gañadora da quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

María Canosa, gañadora da quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

30 Decembro, 2022

A quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro xa conta coa obra gañadora. O xurado decidiu que a distinción vaia parar a Teño un volcán dentro, de María Canosa. O seu nome súmase así á listaxe das persoas galardoadas das anteriores convocatorias: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; e repetiu novamente Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos.

Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Xosé Antonio Neira Cruz, escritor; e Encarna Pego, mestra e socia da A. C. Barbantia, destacan a heteroxeneidade dos preto de corenta orixinais presentados. O libro galardoado plasma a historia dun rapaz coa síndrome de Asperger que chega a un novo centro educativo e narra o seu proceso de integración, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación. Adiantaron tamén que as bases da próxima convocatoria introducirán novidades como reduci-lo rango de idade do público receptor dos relatos de 8 a 12 anos.

A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que o premio supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense para así inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas.

Convocado polo Concello xunto coa editorial e a entidade cultural xa sinaladas, o dito certame constitúe un referente no panorama galego que busca promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxea-lo escritor Carlos Mosteiro.

A entrega do premio e presentación do libro efectuarase nos vindeiros meses.