
«Caramiñas na Pobra» contará este Nadal coa participación de 41 establecementos comerciais
A iniciativa inclúe sorteos diarios de 200 euros en Caramiñas a través de Instagram e busca dar visibilidade ao comercio local durante as festas.
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a campaña de Nadal «Caramiñas na Pobra», unha iniciativa de dinamización comercial que este ano contará coa participación de 41 establecementos de diversa índole, entre os que se atopan negocios de téxtil, servizos, moblaría, beleza e outros sectores comerciais.
A presentación tivo lugar en Mi barquito de papel, un dos negocios adheridos á campaña, e contou coa participación da concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e da técnica da área, Sara Sánchez, que deron a coñecer as principais iniciativas previstas para estas datas, orientadas a incentivar o consumo de proximidade, atraer público aos establecementos e reforzar a visibilidade do tecido comercial local.
Durante a súa intervención, Amparo Cerecedo destacou a importancia da implicación do comercio e da creación de comunidade arredor dunha campaña que busca que o Nadal se viva tamén nas rúas, nos escaparates e nos propios negocios da Pobra, favorecendo a participación colectiva e o apoio ao comercio de proximidade.
Pola súa banda, Sara Sánchez explicou a dinámica do sorteo «Descobre as Caramiñas da Pobra e comparte o teu Nadal», que se desenvolverá do 1 ao 31 de decembro a través de Instagram. Para participar, será necesario realizar unha fotografía nun dos establecementos adheridos, compartir a imaxe nas stories da conta persoal e mencionar o perfil oficial @caraminhasnapobra. Este ano, as fotografías deberán amosar os comercios, os seus escaparates ou decoracións de Nadal, co obxectivo de dar protagonismo á ambientación dos negocios e animar a cidadanía a descubrir o comercio local.
A iniciativa contempla un premio diario de 200 euros en Caramiñas, moeda local para consumir nos negocios adheridos, o que supón un total de 6.200 euros destinados a premios ao longo da campaña. A participación será gratuíta, non estará vinculada á realización de compras e permitirá participar unha vez ao día durante todo o período de duración do sorteo.
A campaña complétase con outras accións de promoción comercial previstas durante o Nadal, co propósito de dinamizar a actividade económica local e converter estas datas nunha oportunidade para impulsar as compras no comercio da Pobra.
O Concello agradece a implicación dos 41 establecementos participantes e anima a veciñanza e as persoas visitantes a sumarse ás iniciativas, descubrir os negocios locais e apostar polo comercio de proximidade durante estas festas.





