Guía da natureza da Pobra do Caramiñal: coñece o teu patrimonio ambiental
A Guía da natureza que presenta o Concello da Pobra do Caramiñal quere ser unha ferramenta para coñecer e valora-los elementos do patrimonio natural que hai no noso termo municipal.
O Concello da Pobra agradece a liña de subvencións a concellos para a realización de actividades en materia de medio ambiente convocada pola Deputación Provincial da Coruña, para que este proxecto saíse adiante.
Redactada polo pobrense Miguel A. Conde Teira, biólogo de formación e ambientalista de afección, a guía mostra lugares que para moita da nosa veciñanza serán coñecidos de sobra, mais non por iso perden importancia.
Neste sentido, un dos obxectivos da guía era que estivese deseñada especialmente para a xente da Pobra do Caramiñal, que esta soubese que a súa contorna ten valor e valores. Este foi o motivo do repartimento na residencia de maiores e no centro sociocomunitario, habitualmente con persoas que recoñecerán, sen dúbida, moitos sitios.
Non significa que a xente de paso non poida tamén acceder a ela e aprender dela, polo cal se deixaron exemplares no punto de atención ó turismo, situado no Museo Valle-Inclán.
Outro dos obxectivos foi que as nenas e nenos da nosa poboación soubesen tamén da importancia das paisaxes e ecosistemas que ven cada día.
Por estas razóns, repartíronse exemplares en case tódolos centros de ensino do concello, con independencia das idades do alumnado.
Lamentabelmente coincidiu o repartimento dos exemplares cos dous últimos días antes da corentena polo COVID-19. Así que, se non chegaron a algún fogar, quizais aínda estean sen distribuír. Cando remate este tempo, quen queira achegarse á Área do Medio Ambiente do Concello e levar de balde un exemplar non terá problema, mentres haxa existencias.
Para facilita-la súa divulgación e axudar a pasa-las horas do confinamento poñémola á vosa disposición a través desta web na ligazón que vedes aí abaixo.
Que a desfrutedes e moito ánimo!!
Guía_da_natureza_da_Pobra_do_Caramiñal