
O Concello pobrense establece un patrocinio deportivo coa atleta Lidia Parada
O Concello da Pobra do Caramiñal e a lanzadora de xavelina Lidia Parada formalizaron nesta xornada un contrato de patrocinio onde se vincula a imaxe da deportista coa do municipio, ademais de servir como contribución por parte da Administración local na súa colleita de éxitos, polo que cal se achegan 4 000 euros.
Nun acto que se desenvolveu no salón de plenos da casa consistorial, a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explicou que entre os obxectivos se atopa a transmisión duns valores positivos inherentes á actividade da atleta, polo cal “por extensión será transmitida unha imaxe inmellorable, moi positiva, do concello da Pobra do Caramiñal.” A edil salientou a traxectoria da atleta, quen conta na actualidade con 10 títulos de Campioa de España, 4 récords galegos, 4 récords nacionais e máis de 10 participacións en campionatos internacionais, onde acadou diversos resultados.
Agora, ten como obxectivo participar e acadar un bo posto nos xogos olímpicos de París de 2024 e mentres tanto continuará ampliando a súa traxectoria coa participación en campionatos nacionais e internacionais, que tamén lle serven de preparación e clasificación para un dos grandes eventos deportivos mundiais. A este respecto, Lidia Parada declarou que “poder representa-lo concello da Pobra e poder chegar á olimpíada de París de 2024 co seu apoio e dando a súa imaxe faime moi feliz. E, sobre todo, como son adestradora dos peques do club, gustaríame dar ese exemplo.” Concluíu así manifestando que “non fai falta irse a unha gran cidade nin escapar do teu fogar para conseguir un gran resultado e triunfar.”
Finalmente, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), indicou que este patrocinio “é un recoñecemento que o ten gañado con toda a xustiza ao longo de todos estes anos”, algo que está avalado polos seus éxitos. O rexedor tamén fixo fincapé no apoio social con que conta a deportista e indicou que este patrocinio contribuirá a que “o nome da Pobra estea en moitos lugares e vai dar a coñece-la práctica deportiva no noso municipio.”
Entre as obrigas figuran que a atleta deberá inseri-lo logotipo da Área dos Deportes do Concello da Pobra do Caramiñal nun lugar visible do equipamento oficial. Participará tamén en actividades municipais deportivas e doutra índole, tales como competicións, charlas e conferencias, campañas de sensibilización e concienciación social… Ademais, a súa colaboración nunca poderá interromper ou afectar de maneira negativa a súa actividade de adestramentos e competicións. Realizaranse sempre de mutuo acordo, establecendo un mínimo dunha acción mensual ou doce ao longo de todo o ano 2022.