A Pobra activa sete zonas para o estacionamento durante as festas do Nazareno 2024
Por causa da afluencia de xente que se prevé na Pobra do Caramiñal por mor das festas do Nazareno, a Concellaría da Seguridade, a través da Policía local, habilita diferentes zonas xa recorrentes cara a facilita-lo estacionamento do día 13 ao 16 de setembro.
Estes sete puntos do núcleo urbano son os seguintes: o Gadis situado nos Areos (noite do sábado 14 e todo o día do domingo 15 e do luns 16), o aparcadoiro da rúa de Venecia, o de San Lázaro, a explanada portuaria, O Campo da Feira, as proximidades de acceso ao CEP Salustiano Rey Eiras (estará permitido en ámbolos lados da vía, respectando os vaos e sempre que non se obstaculice a circulación) e o interior do recinto do propio colexio de Bandaseca (só no domingo 15).
Os autobuses que se despracen á localidade no terceiro domingo do mes, co gallo da procesión votiva das mortallas, deberán efectua-la parada na explanada portuaria. Ademais, nesa mesma xornada e ata as 15.00 horas, habilitaranse seis prazas de estacionamento destinadas exclusivamente a persoas con mobilidade reducida, na praza do Alcalde Segundo Durán, polo cal deberán presentar á súa entrada a tarxeta acreditativa da súa situación.
A Administración local agradece a disposición, un ano máis, de Gadis por contribuír á cesión do seu espazo para os vehículos.