O proxecto Retratos na memoria culmina cunha exposición na casa da cultura da Pobra
Facianas cheas de historias, de vivencias, que se amosan ao público na casa da cultura Raquel Fernández Soler a partir desta semana en formato de exposición cun total de 27 obras: 10 óleos e 17 instantáneas. Retratos na memoria é o nome dun proxecto artístico con enfoque social concibido polo Concello da Pobra do Caramiñal e o centro de día da localidade para retrata-las persoas maiores desta comunidade.
Paola González, tralo obxectivo da cámara, e Andrés Bernal, no lenzo, son os dous artistas encargados de plasmar estas historias de vida. Xa no verán se ofreceu un pequeno adianto do proceso de elaboración, convertendo os Xardíns de Valle-Inclán nunha sala de exposición a ceo aberto por unhas horas.
A inauguración desta serie de retratos pictóricos e fotográficos terá lugar no venres 15, ás 12.00 horas, nun acto amenizado polas Rianxeiras da Covecha.
O acceso é libre ata completa-la cabida.