O Apalpador, Papá Noel e o tren do Nadal percorrerán o núcleo urbano da Pobra
A Pobra do Caramiñal segue inmersa de cheo na época do Nadal, intensificando as actividades de lecer para o desfrute da veciñanza de tódalas idades. No acto de presentación, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, manifestou que “búscase non só dinamiza-la vida económica do noso municipio nunhas datas tan significativas, senón tamén a vida social. Por iso, traemos proposta lúdicas que serán do agrado de todos e todas.”
Haberá ocasión de percorre-lo núcleo urbano dentro do tren do Nadal, con saída da praza Alcalde Segundo Durán. Os horarios son os seguintes: no venres 13, de 17.30 a 20.30 horas; no sábado 14, de 11.00 a 13.00 e de 17.30 a 20.30 horas; e no domingo 15, de 11.00 a 13.00 horas.
Tamén se sucederán as visitas de personaxes vinculados a esta época. O Apalpador fará acto de presenza polo centro no venres 20, a partir das 18.00 horas. Estará acompañado de zancudos e dun grupo de gaitas.
E Papá Noel desfilará polas rúas xunto cos Magical Brothers no sábado 21, das 18.00 horas en diante. No remate, desprazarase ata o mercado municipal para recibi-las peticións das crianzas.
Ademais, nevará na Pobra. Tres canóns converterán o Cantón da Leña nunha particular Laponia no domingo 22, a partir das 17.30 horas. Aquí desenvolveranse, así mesmo, obradoiros infantís.
Ningunha das actividades require inscrición previa e parte desta programación está cofinanciada pola Deputación da Coruña.