
O Concello da Pobra prevé 750 asistentes no Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores
A celebración, dirixida ás persoas maiores de 60 anos, terá lugar no pavillón municipal da rúa Venecia e contará con música e actuacións ao longo da xornada
A Pobra do Caramiñal, 1 de outubro de 2026. O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá unha nova edición do Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores, unha cita xa consolidada no calendario municipal que cada ano reúne centos de veciños e veciñas nunha xornada de encontro, convivencia e celebración.

O acto de presentación contou coa participación do alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira de Servizos Municipais, Turismo e Igualdad
e, Estefanía Ramos. Nesta edición, o encontro terá como escenario o pavillón municipal da rúa Venecia e prevese a asistencia de arredor de 750 persoas maiores de 60 anos, o que evidencia o interese que esperta esta actividade entre as persoas maiores da vila.
Desde o Goberno municipal destacan a importancia de manter e impulsar este tipo de celebracións como espazos para favorecer a convivencia e a participación social. Segundo sinalou o alcalde, “as persoas maiores de 60 anos forman parte fundamental da nosa sociedade e da vida do noso concello, e cremos que tamén merecen espazos para desfrutar, para reunirse e para compartir momentos de lecer”.
Un menú especial para unha xornada de convivencia
O servizo de cátering atópase actualmente en proceso de licitación, cun orzamento de 37.875 euros. O menú previsto estará composto por dous pratos de marisco, peixe, carne e sobremesa, co obxectivo de ofrecer ás persoas participantes unha comida completa acorde coa celebración.
As entradas terán un prezo de 18 euros por persoa e poderán adquirirse na planta baixa da Casa do Concello.
As persoas empadroadas na Pobra do Caramiñal terán prioridade no acceso ás entradas, que estarán á venda desde o luns 5 ata o xoves 15 de outubro, en horario de 9:30 a 14:00 horas.
Posteriormente, desde o venres 16 ata o venres 23 de outubro, abrirase o prazo para que poidan adquirir as súas entradas as persoas que non estean empadroadas no municipio.
Desde a organización recoméndase realizar o pagamento preferiblemente con tarxeta bancaria, co obxectivo de facilitar a xestión da venda.
Música e celebración
A xornada contará tamén con diferentes propostas musicais. O grupo de gaitas Trécola será o encargado de recibir as persoas asistentes á súa chegada, mentres que, tras o xantar, terá lugar a actuación do grupo da artista pobrense Mar Dávila.
O Concello quixo trasladar o seu agradecemento a todas as persoas, empresas e entidades que colaboran na organización desta actividade e, de maneira especial, ao voluntariado de Protección Civil, que estará presente durante a xornada para contribuír ao seu correcto desenvolvemento e garantir a seguridade e o benestar das persoas participantes.
Desde o Concello da Pobra do Caramiñal anímase a todas as persoas maiores de 60 anos a participar nesta celebración, que pretende ser moito máis ca un xantar: unha oportunidade para reencontrarse, compartir, conversar e desfrutar dun día de festa en comunidade.


