
Igualdade abre o prazo de inscrición para o obradoiro de conciliación do 7 de decembro
A actividade, dirixida a nenas e nenos de 3 a 12 anos, celebrarase no CEP Salustiano Rey Eiras e contará con servizos de madrugadores e comedor.
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellería de Igualdade, pon en marcha un novo obradoiro de conciliación o vindeiro 7 de decembro, unha xornada laboral non lectiva na que se ofrecerá ás familias un recurso para facilitar a organización da vida laboral e familiar.
A actividade está dirixida a nenas e nenos tanto de infantil como de primaria e desenvolverase no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As crianzas poderán gozar dunha xornada lúdica na que o xogo, a convivencia e a relación con outros nenos e nenas serán os protagonistas.
O servizo contará tamén con opción de madrugadores e comedor para aquelas familias que o precisen. Neste último caso, a atención prolongarase ata as 16.30 horas.
Desde a Concellería de Igualdade destacan a importancia de ofrecer este tipo de recursos públicos, que axudan ás familias a conciliar as súas responsabilidades laborais e familiares e contribúen a avanzar cara a un reparto máis equilibrado dos coidados. Ao mesmo tempo, estes obradoiros ofrecen ás crianzas un espazo de encontro, diversión e aprendizaxe.
O prezo da actividade é de 5 euros por participante, cun desconto do 50 % para o segundo irmán ou irmá e gratuidade a partir do terceiro.
As inscricións xa están abertas e poderán realizarse ata o mércores 2 de decembro a través da sede electrónica municipal, mediante unha instancia xeral, na oficina de rexistro do Concello ou directamente no Servizo de Igualdade. As prazas son limitadas.
Para máis información, as familias interesadas poden contactar co Servizo de Igualdade no correo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono 981 832 764 (extensión 6).




