
A Pobra recibe a ‘Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero’, unha iniciativa da subdelegación do Goberno para concienciar e educar en igualdade
A Pobra do Caramiñal é a nova parada da ‘Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero’, un proxecto impulsado pola subdelegación do Goberno que busca achegar libros centrados na igualdade, o feminismo, e o empoderamento das mulleres á cidadanía.
A iniciativa foi presentada esta mañá na biblioteca municipal Victoriano García Martí nun acto que contou coa participación da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da subdelegación, Manuela Vilaboy; o alcalde, José Carlos Vidal, e as concelleiras de Igualdade e Cultura, Estefanía Ramos e Patricia Rojo; e a presidenta e a vicepresidenta de Mulleres en Acción do Barbaza, Marisol Guevara e Nela Abella.
María Rivas salientou a importancia da Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI) como ferramenta para loitar contra a Violencia de Xénero a través da lectura e “achegar as reflexións sobre o feminismo e os roles de xénero a toda a poboación”.
Pola súa parte, o rexedor agradeceu a chegada da iniciativa ao municipio, asegurando que se trata “dun paso máis no noso compromiso coa igualdade. Esta maleta ofrécenos recursos valiosos para continuar sensibilizando á veciñanza de diferentes idades”.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, puxo en valor a importancia de “visibilizar as obras das nosas escritores e reflexionar sobre os dereitos das mulleres, polo que desde a área de Igualdade traballaremos para que este material chegue ao maior número posible de persoas” e asegurou que “a nosa intención é traballar con este material desde as idades máis temperás ata a poboación adulta”.
A MAVI na Pobra do Caramiñal
A Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero que permanecerá na Pobra do Caramiñal os próximos 3 meses conta con 5 libros para público infantil – xuvenil con títulos como “Son unha nena rebelde. Un diario para iniciar revolucións”, “As princesas tamén se tiran peidos”, “Só son miña”, “Kike e as Barbies” ou “A diadema de Jan”. No caso de libros para persoas adultas, son 9 títulos entre os que se poden atopar “Ética para Celia”, “Desarmar a Masculinidade”, “Terra de Mulleres. Unha mirada íntima e familiar ao mundo rural” ou “Nada que perder”.
Ademais, co obxectivo de dar visibilidade a referentes femininos en todos os ámbitos, dende 2024 MAVI incorpora a colaboración da ilustradora Rosa Cabanas a través do seu proxecto Mulleres Valentes, imaxes debuxadas que en forma de pegatinas adornan as 5 maletas e un catálogo de imaxes en cada maleta coas súas historias.
Por último, esta maleta incorpora un diario de MAVI para recoller as impresións das persoas participantes, debuxos, suxestións e todo tipo de comentarios que permitan seguir mellorando este proxecto.



