
O Concello presenta o VII Ciclo Victoriano García Martí e reafirma o seu compromiso coa memoria cultural local
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá o VII Ciclo Victoriano García Martí, unha iniciativa xa consolidada no calendario cultural do municipio que rende homenaxe a unha das figuras máis destacadas da súa historia.
A programación, impulsada pola Concellería de Cultura en colaboración co Museo Valle-Inclán, entidade encargada da conservación, xestión e difusión do fondo documentar de García Martí, depositado pola familia Bermejo Rubio, foi presentada pola concelleira desta área, Patricia Lojo, e o director do museo, Antonio González Millán. A través desta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa memoria cultural da vila.
A edil puxo en valor a continuidade desta cita anual, subliñando que “manter vivo este ciclo supón un importante reto, especialmente pola falta de investigación académica sobre a súa figura e o esquecemento xeral deste intelectual tan destacado na súa época”. Neste sentido, salientou que iso é un impulso para “seguir traballando e recuperar e poñer en valor a súa traxectoria, facéndolla chegar aos nosos veciños e veciñas”.
Pola súa parte, González asegurou que é importante que “o público, e quen desexe sumar as súas investigacións para o estudo e maior coñecemento da figura de GM, saiba que é no Museo Valle-Inclán e A Pobra do Caramiñal, onde se reúne a maior parte dos seus documentos, escritos e publicacións, xunto co Museo do Pobo Galego da capital galega”.
O programa
A programación desenvolverase ao longo das xornadas do venres, 17 de abril, e o sábado, día 18, combinando distintas actividades.
O programa dará comezo o venres ás 18.30 horas cun pasarrúas polas prazas e rúas a cargo do grupo Trécola Tradicional, ao que seguirá, ás 19.00 horas, unha ofrenda cívica no busto de Victoriano García Martí, situado na praza homónima. A xornada completarase coa instalación de iconas en loanza do homenaxeado e unha lectura pública de textos da súa autoría.
No que respecta ao sábado, este día terá lugar a entrega de exemplares facsímile de obras de Victoriano García Martí editadas polo Concello no Cantón da Leña ás 18.30 horas. A continuación, ás 19.00b horas, terá lugar a palestra de Antonio González Millán titulada ‘A Campaña <<pro pazo>> de García Martí: Rescatar a Torre dos Valle Bermúdez en honor de Valle-Inclán (1935)”, que dará paso a un faladoiro co público moderado por Xesús Laíño Briones-Arén, no Museo-Salón do futuro Centro de Estudos Valle-Inclán.
Lojo concluíu a súa intervención animando á veciñanza a participar nas diferentes actividades programadas, destacando que este ciclo é unha gran oportunidade “para conectar cunha figura moi relevante na nosa historia”.


