
A área de Turismo da Pobra do Caramiñal organiza unha nova ruta guiada polo río das Pedras
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da súa área de Turismo, organiza por cuarto ano consecutivo unha ruta turística guiada pola contorna do río das Pedras, un espazo de gran valor natural, histórico e cultural. A iniciativa, segundo sinala a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, busca poñer en valor un dos principais atractivos paisaxísticos do municipio.
A actividade desenvolverase este sábado, 17 de maio, cun percorrido de, aproximadamente, dous quilómetros a pé e unha duración estimada de tres horas. A dificultade da ruta é media-alta, polo que está recomendada para persoas maiores de 12 anos.
Ao remate do itinerario, as persoas participantes serán trasladadas en autobús ata o miradoiro de Valle-Inclán, situado na montaña da Curota, para gozar dunha das panorámicas máis emblemáticas da comarca.
O punto de encontro será o aparcadoiro situado fronte á oficina de turismo, ás 10:00 horas, desde onde partirá un autobús ata o lugar de saída.
O prezo da actividade é de 15 euros por persoa e as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa. As persoas interesadas deben anotarse na oficina de turismo – Casa Mariñeira, situada no parque do Castelo), a través do correo electrónico turismo@apobra.gal ou chamando aos teléfonos 671 090 262 e 687 482 835. O prazo de inscrición pecharase ás 13:00 horas deste venres, 16 de maio.




