
O Concello abre unha bolsa de emprego para auxiliares de axuda no fogar
O Concello da Pobra do Caramiñal vén de anunciar a apertura dunha bolsa de emprego de auxiliares de axuda no fogar co obxectivo de reforzar e ampliar a prestación deste servizo esencial no municipio.
A convocatoria ten como finalidade a formación dunha bolsa de traballo para realizar contratacións laborais temporais que permitan cubrir as necesidades do servizo. Unha vez rematado o proceso selectivo, que se desenvolverá mediante o sistema concurso-oposición, o obxectivo é contratar a sete auxiliares.
O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días hábiles desde o día seguinte á publicación do anuncio no BOP. Así pois, o prazo remata o vindeiro 26 de febreiro inclusive. As instancias poderán presentarse a partir de mañá, 20 de febreiro, a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral do Concello.
A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, destacou a importancia do Servizo de Axuda no Fogar para garantir a atención ás persoas que máis o precisan. A edil asegurou que “un dos piares fundamentais do benestar na nosa sociedade son os coidados no entorno, e para iso é preciso levar adiante servizos públicos de calidade para a veciñanza. “Trátase dunha aposta firme e decidida polos servizos públicos e pola mellora da calidade de vida das persoas usuarias”, concluíu.
Consulta a convocatoria no BOP.



