
O Concello impulsa o programa ‘Móvete!’ 2026 para favorecer a conciliación familiar no verán
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, presentou esta mañá unha nova edición do obradoiro de verán ‘Móvete!’, unha iniciativa orientada a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses estivais que permitirá á rapazada desfrutar dun espazo para aprender pasándoo en grande.
Tal e como destacou a edil, este programa responde “ao compromiso do Concello coa conciliación, ofrecendo alternativas que poidan facilitarlles ás familias a organización do día a día ao tempo que se promove un ocio activo para os pequenos e pequenas baseado en valores de igualdade, inclusión e respecto”.
Neste sentido, a programación de actividades terá un marcado carácter coeducativo e inclusivo, incorporando a perspectiva de xénero como eixo transversal en todas as propostas. A rapazada poderá participar en propostas diversas nas que se inclúen talleres de teatro, expresión corporal, plástica e musical; actividades lúdicas con múltiples e variados xogos; actividades manipulativas; e tamén deportivas, con baile, baloncesto, fútbol, etc.
O programa
O obradoiro desenvolverase no CEP Salustiano Rey Eiras en horario de 9.00 a 14.00 horas e está dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos (nadas entre o 2014 e o 2022). O programa estrutúrase en varios períodos que abranguen: do 22 ao 30 de xuño, do 1 ao 31 de xullo, do 1 ao 31 de agosto e do 1 de setembro ata o día laboral anterior ao inicio das clases.
No relativo aos custos, a normativa de prezo público establece unha cota de 70 euros por persoa e mes para os períodos de xullo e agosto, mentres que os períodos non lectivos de xuño e setembro terán un custo de 15 euros cada un. A estes prezos aplicarase unha redución do 50 % para o segundo irmán ou irmá inscrito e a gratuidade no caso do terceiro.
Ademais, o programa contará con servizos de madruga e comedor para, así, adaptase mellor ás necesidades de conciliación das familias participantes.
Os prazos
O PRAZO DE SOLICITUDE INICIARASE UNHA VEZ AS BASES SEXAN PUBLICADAS NO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA (BOP) e permanecerá aberto ata o 5 de maio. As solicitudes poderán presentarse tanto a través da sede electrónica como de forma presencial na oficina do Rexistro do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Será necesario achegar a ficha de inscrición, unha copia do DNI da nai, pai ou titor/a legal, da tarxeta sanitaria do menor e a documentación complementaria recollida nas bases.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, a lista provisional de persoas admitidas publicarase o 19 de maio. O prazo para efectuar o pagamento das taxas estenderase dende este mesmo día ata o 27 de maio e deberá realizarse mediante o documento oficial facilitado polo Concello a través da páxina web, redes sociais e Servizo de Igualdade. Tras efectuar o pagamento, será necesario presentar o xustificante correspondente a través da sede electrónica ou na oficina do Rexistro. No caso de que este non se realice dentro do prazo establecido, entenderase que a persoa solicitante renuncia á praza.
A lista definitiva das persoas admitidas publicarase o mércores 10 de xuño no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na oficina do Rexistro.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 981 832 764, nas extensión 5 ou 6, ou enviar un correo electrónico a igualdade@apobra.gal.
BASES do obradoiro de verán Móvete 2026.
ANEXO I – Ficha de inscrición.
ANEXO II – Aboamento de taxas Móvete 2026.




