Últimas Novas

Comunicado do Concello da Pobra do Caramiñal, 22 de xuño: suspéndense as fogueiras do San Xoán na praia dos Areos

Comunicado do Concello da Pobra do Caramiñal, 22 de xuño: suspéndense as fogueiras do San Xoán na praia dos Areos

Comunicado do Goberno do Concello da Pobra do Caramiñal, 22 de xuño de 2020

Debido á situación que se vén dando na nosa comarca nos últimos días, coa aparición dun foco de contaxio por Covid-19 no veciño concello de Ribeira, e que afectou unha persoa do noso concello, non podemos dar continuidade ó bando aprobado pola resolución da alcaldía que autorizaba as fogueiras na praia dos Areos.

Témo-la seguridade de que sería un evento cun risco moi baixo de contaxio, debido á organización e ás medidas estritas, así como ó operativo preparado, que contaría coa participación da Policía municipal e da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil para colaborar no desenvolvemento da actividade, informando, vixiando e se for necesario incluso paralizando a celebración.

Se ben as autoridades sanitarias informan de que o novo episodio está controlado e de que se coñecen os contactos que tiveron as persoas contaxiadas, que se manteñen en corentena e baixo vixilancia, tamén é certo que non se pode te-la seguridade absoluta de que ningún caso escapou a este control.

As fogueiras do San Xoán son unha tradición fondamente arraigada no noso concello, pero non deixan de ser unha celebración prescindíbel no funcionamento da nosa sociedade. Este ano moitas veciñas e veciños empregarán espazos privados para realizaren os lumes e festexaren o San Xoán. A nosa intención sempre foi que todo o mundo puidese face-lo mesmo, aínda que fose empregando o espazo público. A situación non o fai posíbel.

Agora non nos queda máis que esixirlles a tódalas persoas que van levar a cabo a celebración de maneira privada que cumpran estritamente coa normativa sanitaria. Quen organice que non permita infraccións. Ós pais e ás nais da xente máis moza, que exerzan a súa responsabilidade sensibilizando os seus fillos e fillas fronte ó problema que segue vixente na nosa sociedade, e que actúen con responsabilidade.

Queremos expresar tamén o noso apoio ás familias afectadas por estes novos contaxios, que se recuperen o antes posíbel e desexamos que a nosa comarca siga coa incidencia baixa que mantivo ata agora.

 

 

 

Comunicado San Xoán 22 de xuño de 2020