
26 de xaneiro ás 19 h no Elma "Los amigos. La pinícula"
Domingo 26 de xaneiro de 2020 proxectarase no teatro Elma ás 19 h Los amigos. La pinícula
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.
LOS AMIGOS. LA PINÍCULA
(Acción, emoción, amor e chacinaría a partes iguais)
Todo comezou hai 3 anos. Varios colegas da profesión empezaron a gravar unha historia de humor absurdo e irreverente no seu tempo libre. Era tan só un divertimento e non tiñan ningunha pretensión, tan só gravar sempre que puidesen e o que lles parecía.
Crearon unha páxina do Facebook onde colgaban tódolos avances e este foi quizais un punto clave no proceso, xa que en pouco tempo foron gañando persoas adeptas e popularidade, foise creando cada vez máis expectación e moitas actrices e actores amigos ofrecéronse de xeito voluntario para colaboraren: Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñán, David Amor, Federico Pérez, Pepo Suevos, David Perdomo, Marcos Pereiro, Luma Gómez, Marta Doviro…
Non só foron actores e actrices, senón persoas relevantes da cultura galega as que participaron nesta aventura: Susana Seivane, Brais Morán, Kiko Novoa, Sevi Martínez, Gari…
En principio, a historia non era tan coral así que, para acollelos a todos, transformouse o guión. Nunca mellor dito, o título recolle perfectamente o espírito da película: Los amigos. La pinícula