Últimas Novas

De Ste Xeito trae ó Elma a “suorenta” comedia “Running”, domingo 9 de febreiro ás 19 h

De Ste Xeito trae ó Elma a “suorenta” comedia “Running”, domingo 9 de febreiro ás 19 h

No domingo 9 de febreiro de 2020 ás 19.00 h no teatro Elma, a compañía de teatro De Ste Xeito presentará a “suorenta” comedia RUNNING.

SINOPSE:

Xulia e Román acaban de se coñecer e o primeiro whatsapp non tarda en chegar: “Quedamos?”

Veña si!

Pero…cando???!!

Fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes na idade parva. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para libera-lo estrés, patinaxe artística os luns, danza e jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todo o mundo menos de si. Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar en min mesma/o?

Romeo e Xulieta tiñan as familias en contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morre-lo amor eterno.

       En escena, unha actriz e un actor que terán que sua-la camiseta para se meteren na pel de tódalas personaxes desta vertixinosa comedia.

Organiza a Concellaría da Cultura do Concello da da Pobra do Caramiñal.

Entrada libre ata completa-la cabida.