
A LXV Milla Urbana Nocturna e o Open Integrado de Tenis de Mesa protagonizan a xornada deportiva do 18 de setembro
O deporte marcará o inicio das festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal o venres 18 de setembro coa celebración de dúas citas: a LXV Milla Urbana Nocturna e o Open Integrado de Tenis de Mesa. Unha xornada coa que se busca fomentar a práctica deportiva e favorecer a participación de persoas de diferentes idades.
Organizada polo Concello xunto á Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, a Milla Urbana Nocturna regresa un ano máis como un clásico da programación anual, aberto á participación de persoas de todas as idades. A proba abrangue categorías desde sub-6 ata máster.
Desde as 21.50 horas sucederanse as saídas nas inmediacións dos xardíns de Valle-Inclán, que tamén servirán como liña de meta.
Unha vez finalizadas as carreiras, entregaranse trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría e medallas aos nenos e nenas que compitan en sub-6 e sub-8. Tamén se concederán premios económicos aos corredores e corredoras que acaden os tres mellores tempos das distintas carreiras: 150 euros para o primeiro posto, 100 para o segundo e 50 para o terceiro.
Quen desexe participar pode anotarse presencialmente no Departamento de Deportes, en horario de 9.30 a 14.30 horas, ou a través dos teléfonos 981 831 545 e 619 229 946.
Pola mañá será a quenda do Open Integrado de Tenis de Mesa, que se disputará no polideportivo de Venecia a partir das 10.30 horas. Organizado pola Agrupación Deportiva Costa Oeste-Deporte Adaptado (ADECO-DEA), conta coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e establece tres categorías: menores de 14 anos, sénior —maiores de 14 anos— e persoas con discapacidade.
Para participar no Open, as inscricións poden formalizarse a través do correo electrónico adeco.dea@gmail.com ou no propio polideportivo antes das 10.30 horas.
Desde o Concello considérase que non hai mellor maneira de comezar as festas do Nazareno que dando protagonismo ao deporte e promovendo a participación de diferentes xeracións. A institución municipal agradece o traballo e a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas para facer posibles ambas as citas.




