
Santa Cruz de Lesón celebra as súas festas do 11 ao 15 de setembro
A parroquia de Santa Cruz de Lesón celebra do 11 ao 15 de setembro as festas na honra do Santísimo, cun programa que reúne música, actividades para o público infantil, gastronomía e os tradicionais actos relixiosos.
O venres 11 dará comezo a programación co pregón, previsto para as 21.30 horas, que este ano correrá a cargo de Manuel Teira, elixido pola comisión de festas. Escultor, pintor e poeta, Teira mantén unha longa vinculación co ámbito artístico e cultural desde a década de 1970. Ao longo da súa traxectoria participou en diferentes iniciativas culturais, colaborou coa revista universitaria Dorna e foi columnista de La Voz de Galicia. Como artista, expuxo a súa obra en cidades como Vigo, Santiago de Compostela, Madrid, Manhattan e Nova Delhi.
A súa pegada tamén está presente na Pobra do Caramiñal a través de obras públicas como o monólito dedicado ao escritor Anxo Rei Ballesteros e o Monumento á Memoria Histórica. No ámbito literario é autor, entre outras obras, do poemario Detido nos Confíns.
Tras o pregón, ás 22.30 horas actuará Ajencia Tributaria e, de seguido, a música continuará coa Disketoka Móbil e DJ Jalaiko.
Para o sábado 12 está prevista unha ampla oferta de actividades. Entre as 12.00 e as 15.00 horas celebrarase unha sesión vermú amenizada polo dúo Keima. Desde as 17.00 horas, os nenos e nenas poderán participar en xogos populares con agasallos, ademais de gozar dun obradoiro de pintacaras e inchables con monitor. Ás 18.00 horas terá lugar unha demostración de Kenpo Kárate O Norte e, ás 19.00 horas, servirase unha mexilloada e empanada de balde. A partir das 21.00 horas, DJ Tatami porá música á noite cunha sesión para todos os públicos.
O domingo 13 estará marcado polos actos tradicionais. Os grupos de gaitas As Jaitas Blue e Xiada protagonizarán unha ruada ás 10.00 horas. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne na honra do Santísimo de Santa Cruz de Lesón, seguida da procesión.
Durante o luns 14 e o martes 15 continuarán os actos relixiosos. O luns celebrarase a misa solemne na honra de San Roque e a posterior procesión, acompañada polo grupo de gaitas Xiada. O martes será a quenda da misa na honra de San Xosé e da procesión, tamén co acompañamento de Xiada.
Desde o Concello da Pobra do Caramiñal quérese recoñecer e agradecer o traballo desenvolvido pola comisión de festas para facer posible esta nova edición e desexar que as celebracións se desenvolvan do mellor xeito posible. O goberno local salienta unha programación pensada para diferentes idades e a forza que están a adquirir estas festas parroquiais, así como a vontade municipal de seguir colaborando na súa celebración e contribuír á conservación e continuidade das tradicións locais.










