
A Pobra pon en valor a súa historia e patrimonio cunha nova edición de «A Pobra no Tempo»
As xornadas de divulgación celebraranse os días 26 e 27 de setembro con relatorios sobre diferentes capítulos da historia pobrense e unha actividade polo litoral do Xobre
Historia, patrimonio e cultura volverán centrar A Pobra do Caramiñal no Tempo, que celebrará a súa oitava edición os días 26 e 27 de setembro. As xornadas reunirán diferentes especialistas para achegar á cidadanía investigacións, episodios e figuras vinculados ao pasado do municipio e da comarca.
O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentaron a programación xunto con Manuel Gago Mariño, un dos impulsores das xornadas e relator nesta edición. A iniciativa busca favorecer a divulgación do coñecemento sobre a historia local e poñer en valor un patrimonio que forma parte da identidade da Pobra do Caramiñal.
O Cine-Teatro Elma concentrará a programación do sábado 26, que comezará ás 16.30 horas coa inauguración a cargo de José Carlos Vidal e Patricia Lojo. De seguido, ás 16.45 horas, Xosé Antonio López Silva, filólogo, catedrático de ensino secundario e membro do padroado da Fundación Otero Pedrayo, abordará Otero Pedrayo e a comarca do Barbanza: paisaxe e historia na Guía de Galicia.
Tomará o relevo ás 17.25 horas a arqueóloga Lupe Castro con O castro da Croa de Posmarcos: resultados da primeira campaña arqueolóxica. Tras un descanso, Manuel Gago Mariño, da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá ás 18.40 horas Identidades e mulleres: tres historias (de película) no pasado da Pobra.
A última intervención da tarde chegará ás 19.20 horas da man de José Vicente García Santamaría, profesor titular da Universidade Carlos III, xornalista e doutor en Comunicación, que falará sobre Mariñeiros republicanos (galegos) nos campos de concentración soviéticos. Ás 20.00 horas abrirase unha quenda de preguntas e comentarios e, ás 20.30 horas, terá lugar a entrega do póster de Alexandre González Rivas, realizado mediante ilustración 3D.
O domingo 27, a proposta trasladarase ao territorio cunha actividade dedicada ao litoral da parroquia do Xobre. A saída está prevista para as 10.00 horas desde o aparcadoiro da Alameda, con desprazamento en autobús. As prazas son limitadas e as reservas poden realizarse a través do correo bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou no teléfono 981 831 633.
Esta oitava edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo dá continuidade a un espazo de divulgación que permite achegar á cidadanía diferentes perspectivas sobre o pasado pobrense. O intercambio entre investigación, patrimonio e memoria contribúe, ademais, a ampliar o coñecemento da historia local e a reforzar a súa conservación e difusión.




