"O alén dos barqueiros" de Anxo Muíños e "Un otoño en la pajarera" (Mónica Graña): 14 de febreiro ás 20 h no Auditorio do Museo Valle-Inclán
Venres 14 de febreiro de 2020 terémo-la presentación de dúas obras literarias, a cargo do autor e mais da autora de cada un destes libros. O acto decorrerá a partir das 20 h do serán, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
En primeiro lugar, presentarémo-la obra narrativa “O alén dos barqueiros“, do rianxeiro Anxo Muíños (pseudónimo de Xosé Anxo Gómez Figueira).
Nesta engaiolante narración, o escritor Anxo Muíños cóntano-la viaxe do sueco Ingemar, nos anos corenta, naqueles anos da dura posguerra. Unha viaxe a través da Galiza, escoitando mitos de árbores sagradas, monstros mariños, espíritos das augas, labirintos e barcos pantasmas, mentres é vixiado pola Garda Civil, quen sospeita que se trata, en realidade, dun espía soviético.
Cómpre destacar que este libro foi publicado na nosa lingua galega en Cantabria, pola editorial Fanes, en outubro de 2018, nunha edición monolingüe grazas a unha subvención da Consellaría da Educación, Cultura e Deporte do Goberno cántabro.
A autora Mónica Graña presentará tamén o seu libro de poesía en castelán “Un otoño en la pajarera”, no cal verte todo o seu mundo intimista. Dalgunha forma é tamén unha viaxe persoal a través dos sentimentos.
Entrada libre ata se completa-la capacidade do local.
Non o perdades!
Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal.