
ADIADA PARA DOMINGO 23 DE FEBREIRO POLAS CHOIVAS!!! Domingo 16 de febreiro ás 10 h "A Pobra natural" (segunda visita guiada pola contorna)
(INFÓRMASE DE QUE ESTA VISITA GUIADA POLA CONTORNA POBRENSE FOI ADIADA PARA O SEGUINTE DOMINGO, 23 DE FEBREIRO, por mor da situación meteorolóxica. Os horarios e punto de encontro serán os mesmos.)
Domingo 16 de febreiro de 2020 pola mañá (10 h – 14 h aproximadamente) terémo-la segunda das visitas guiadas polo biólogo Miguel Conde Teira, no seo da programación de actividades medioambientais “A Pobra natural”, organizadas pola área do Medio Ambiente do Concello da Pobra do Caramiñal.
Desta volta, aprenderemos canta vida hai nas zonas húmidas, e a súa grande importancia na biodiversidade. Sairemos dende o colexio de Bandaseca (Salustiano Rey Eiras).
Os ecosistemas das zonas húmidas posúen unha gran complexidade ecolóxica. Actúan como zonas intermediarias entre os hábitats terrestres e acuáticos, e se contactan con auga salgada multiplican a súa biodiversidade. Son ambientes de alta produtividade, que funcionan como lugares da desova e desenvolvemento de animais invertebrados e de peixes. Son tamén lugares de aniñamento e alimentación de aves.
Máis información sobre a programación completa deste ciclo “A Pobra natural”:
https://apobra.gal/axenda-das-actividades-ambientais-2020-do-concello-da-pobra-inicio-domingo-26-de-xaneiro/