No presente ano finaliza o prazo para o cambio das pesetas
No 31 de decembro de 2020 finaliza o prazo para cambia-los billetes e moedas de peseta. O dito procedemento de troco pódese efectuar en calquera das quince sucursais do Banco de España repartidas por todo o territorio nacional ou na propia sede situada en Madrid, en horario de 08.30 a 14.00 horas.
Co fin de garanti-las medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias é preciso pedir cita previa para a realización deste trámite nas instalacións do Banco de España. Pódese atopar toda a información relacionada e datos de contacto na seguinte ligazón: https://www.bde.es/bde/es/Home/Noticias/covid-19/atencion-al-publico-durante-la-crisis-del-covid-19/atencion-al-publico-durante-la-crisis-del-covid-19.html
O tipo de cambio é de 1 euro equivalente a 166’386 pesetas e establécese que non se terán en consideración aspectos como a antigüidade ou o estado das pesetas.
As persoas interesadas poden amplia-la información sobre o procedemento de cambio accedendo ao apartado Servicios relacionados da sección También le interesa…, dentro da páxina web do Banco de España.
En canto aos billetes, o referido organismo indica que se cambiarán, como norma xeral, os que sexan posteriores ao ano 1939. Os emitidos entre 1936 e 1939 tamén poden ser obxecto de cambio tras unha análise por parte do persoal experto do Banco. Ademais, denegarase o cambio a aqueles que presenten unha superficie igual ou inferior ao 50% do billete.
No que respecta ás moedas, cambiaranse aquelas que estaban en circulación no 1 de xaneiro de 2002. Reembolsaranse as moedas auténticas, incluídas as deterioradas, que sexan recoñecidas como tales polas máquinas empregadas para tal fin, e poderase denega-lo cambio das que sufrisen algunha alteración derivada dun proceso industrial ou mecánico. Tamén sinalan que se cambiarán as moedas de 2000 pesetas que estaban en circulación no 1 de xaneiro de 2002, así como as moedas de colección, conmemorativas e especiais.