Visita ás futuras dependencias da área dos Servizos Sociais da Pobra
As traballadoras do Departamento dos Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal achegáronse na mañá do mércores 20, acompañadas da edil da referida área, Amparo Cerecedo (BNG), ata as futuras dependencias onde desenvolverán o seu labor, situadas na planta baixa dun edificio fronte ao consistorio. Alí puideron comprobar in situ a evolución das obras do inmoble que, previsiblemente, quedará totalmente acondicionado en próximas datas e que abrirá as súas portas á veciñanza da Pobra no mes de febreiro.
O local conta cunha superficie útil de 191’25 metros cadrados, divididos en varios espazos: vestíbulo, recepción, dous aseos, almacén, seis despachos, zona de espera e sala de reunións. Ademais, será accesible e contará con entrada pola praza da Constitución.
A concelleira Amparo Cerecedo cualificou esta mudanza como “necesaria de maneira urxente” para poder incrementa-los servizos que se poidan ofertar, o cal redundará nunha mellor atención á veciñanza, especialmente, nesta situación derivada da COVID-19. Ao mesmo tempo, apuntou que o traslado liberará espazo no Centro de Atención Integral á Discapacidade, posibilitando que as persoas usuarias do centro ocupacional pasen de recibir atención en liña (online) a que esta sexa presencial.
Cerecedo enumerou entre algunhas das vantaxes a proximidade deste novo local á casa do concello, pois afirmou que resultará máis cómodo para a veciñanza no momento de realizar trámites, ademais de facilita-la interacción con outras áreas da Administración local. Nas ditas dependencias tamén se atopará o persoal adscrito á Concellaría da Igualdade.
Se ben o inmoble é de alugueiro, o Concello asumiu os traballos de acondicionamento, nos cales se proxecta un sistema de compartimentación con barreira acústica, os acabados (logo de pintar e da colocación de zócolos), o establecemento da climatización mediante splits individuais, a instalación de iluminación para a nova compartimentación e a reforma do cadro existente por ampliación. A obra está sendo executada pola empresa CYS Hispania S.L. e o importe ascende a 44562’75 euros, IVE incluído, con cargo aos orzamentos municipais.