![](https://apobra.gal/wp-content/uploads/2021/06/Concentración-nas-inmediacións-do-consistorio.-Acto-reivindicativo-apoio-hostalería-e-outros-sectores-económicos-1-scaled-1.jpg)
A Pobra foi escenario dun acto reivindicativo de apoio á hostalaría e outros sectores económicos da vila
Na mañá deste 3 de xuño tivo lugar unha sesión extraordinaria e urxente do Pleno da corporación no salón de plenos da casa consistorial, na cal non puideron estar presentes dous concelleiros do PP. Primeiramente procedeuse coa aprobación da urxencia da sesión, a cal saíu adiante con 8 votos a favor (Nós Pobra, BNG e PSdeG-PSOE) e 3 en contra (PP). Deseguido, abordouse a “proposta da alcaldía sobre as medidas de restrición aplicadas ao noso concello e a necesidade de apoio aos sectores afectados polo cesamento da actividade.” A este respecto, o PP presentou unha emenda que foi denegada ao contar con 3 votos a favor (PP) e 8 en contra (Nós Pobra, BNG e PSdeG-PSOE). Finalmente, a proposta, tal e como estaba presentada, foi aprobada por unanimidade.
Así mesmo, ás 12.00 horas comezou un acto reivindicativo de apoio á hostalaría e outros sectores económicos da vila. Deste xeito, procedeuse cunha concentración ao longo da AC-305, ao seu paso dende a rotonda da estación de autobuses ata o cruzamento coa rúa Venecia. Como acción simbólica de apoio á hostalaría propúxose consumir “un café” e desprazarse dende o establecemento ata o tramo de rúa máis próximo, ocupando a calzada da referida estrada.
Tamén se comezou cunha recollida de sinaturas que se estendeu ao longo do día coa finalidade de trasladala ao Comité Clínico, xunto cun texto reivindicativo sobre a situación actual do sector da hostalaría e outros negocios afectados polo peche obrigatorio.