Chegan ao Elma varias pezas teatrais para público infantil e familiar
Nestes días comeza a posta en escena no Elma das pezas teatrais dirixidas ao público infantil e familiar adscritas ao Nadal Cultural, e que terán continuidade na vindeira semana.
No día de hoxe, martes 22, Baobab Teatro representará Puño Puñete. Este espectáculo aposta por unha forte poética e tamén por promove-la lingua galega. Unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.
Fantoches Baj presentará Os golfiños e o xigante no mércores 23. Trátase dun espectáculo de sombras chinesas que narra unha historia real extraída dunha nova que se fixo eco na prensa internacional.
Xa no luns 28 terá lugar A feira das linguas con Lydia Botana. Consiste nun concerto acústico cunha instrumentación variada: piano, acordeón, ukelele, caixón, instrumentos doutras culturas e mais autóctonos mesturados con bases electrónicas.
E a actuación de Expresións Producións con Os limpa, limpa, a cal estaba prevista para martes 29, tense que adiar por cuestións de saúde dun dos integrantes da compañía. A nova data será comunicada proximamente.
Todas estas citas transcorrerán ás 18.30 horas e enmárcanse na programación teatral para esta tempada do outono/inverno organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. A entrada é de balde e as actividades desenvolveranse seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben face-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.