A Pobra convértese un ano máis en etapa da Regata Mar de Maeloc
Os 51 veleiros participantes na Regata Mar de Maeloc/58ª Rías Baixas arribaron na tarde deste 11 de agosto ao náutico da Pobra do Caramiñal, completando así a segunda etapa con saída dende Combarro. Alí foron recibidos pola concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); José Antonio Portela, presidente do Real Club Náutico de Vigo; e Jorge Alonso, subdirector xeral de Maeloc. Durante a quenda de intervencións, a edil expresou o seu agradecemento por elixir un ano máis ao municipio como etapa do circuíto.
O acto coincidiu tamén coa entrega de premios ás embarcacións gañadoras da segunda etapa, quedando os resultados da seguinte maneira: Clase Open 2 (Nahela), Clase Open 1 (Txole), Clase 4-5 (La Burla Negra), Clase 3 (Bosch Services) e Clase 1-2 (Aceites Abril).
Posteriormente, cada un dos barcos recibiu unha bolsa de agasallos, cortesía do Concello, composta por material de promoción do turismo, conservas de Ramón Franco (doadas pola propia empresa) e un viño da Denominación de Orixe Terra de Barbanza e Iria.
A travesía continúa na xornada deste 12 de agosto no municipio coa terceira etapa A Pobra do Caramiñal-A Pobra do Caramiñal para, finalmente, proceder coa cuarta e última, A Pobra do Caramiñal-Vigo, lugar que constituíu o porto de saída e, polo tanto, primeira etapa unindo a cidade olívica con Combarro.