Unha nova actividade náutica permite achegarse ata as bateas e illas da Rúa e do Areoso
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Turismo, continúa na súa aposta polo turismo náutico e pola diversificación de actividades coas que desfrutar no municipio durante a tempada de verán. Engádese así unha nova proposta que consiste nunhas rutas marítimas percorrendo en lancha tres puntos cruciais da ría da Arousa. Así o anunciaron a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ángeles Tubío; e Jesús A. Places, en representación da empresa Oceanic Arousa Tours.
As saídas efectuaranse ás 11.00 horas dos días 19 e 26 de agosto, así como no 2 de setembro, dende as inmediacións do náutico. As viaxes guiadas teñen unha duración de 3 horas, aproximadamente, durante as cales, as persoas participantes terán a ocasión de coñecer de primeira man o cultivo do mexillón, achegarse ata a granítica illa da Rúa e desfrutar no Areoso da súa area branca e augas cristalinas.
A edil puxo de manifesto a importancia dos servizos turísticos á hora de ofrecer novas experiencias a visitantes e residentes, ao tempo que se apoia ás empresas da contorna que se dedican a ofrecer estas actividades. Doutra banda, Jesús A. Places explicou que as rutas teñen un aspecto didáctico e outro lúdico.
O prezo estipúlase en 25 euros para as persoas adultas e 15 euros para nenos e nenas menores de 12 anos. Cómpre indicar que as travesías transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.
Os grupos son reducidos, dun máximo de 12 persoas, polo que a información e reservas efectuarase a través da oficina do Turismo, dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835, ou do enderezo electrónico turismo@apobra.gal.