Unha vintena de fotografías de fungos exhíbense na casa da cultura da Pobra
Enmarcada na programación da quinta edición das Xornadas Micolóxicas, a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler alberga unha exposición fotográfica de micoloxía composta por unha vintena de imaxes que se corresponden con aquelas que acadaron as cinco mellores puntuacións nas catro convocatorias previas do Concurso Fotográfico de Micoloxía. Ademais, na próxima semana coñeceranse as puntuacións do certame deste ano, polo cal, posteriormente, se sumarán outras cinco imaxes á mostra.
Inaugurada neste 8 de novembro pola concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, permanecerá nas mencionadas instalacións municipais ata finais de mes. As visitas pódense efectuar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.
Unha vez conclúa, a Concellaría do Medio Ambiente converterá a exposición en itinerante para que vaia rotando polos centros educativos que a soliciten.