A Pobra presenta unha serie de actividades do Nadal para a veciñanza de tódalas parroquias
A Concellaría da Promoción Económica configura unha serie de actividades coas que desfrutar do Nadal na localidade, segundo anunciaron a concelleira titular desta área, Charo Varela (Nós Pobra), e o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), no 7 de decembro.
Trátase dunha variada programación que pretende estar presente en tódolos recunchos do concello e apta para tódalas persoas, facendo especial fincapé nos máis pequenos. Como novidade, contarase cun Nadal Móbil que percorrerá tódalas parroquias; un total de 7 puntos nos que haberá actividades, obradoiros, chocolatada e máis sorpresas. Segundo manifestou a edil, “esta actividade preséntase como un punto de encontro para toda a veciñanza, pois estas datas caracterízanse polos momentos de compartir entre as persoas achegadas.” Os lugares aos que se desprazará o Nadal Móbil son O Camiño Ancho, Santo Isidro, O Campiño, Santa Cruz, O Maño, A Angustia e A Ribeiriña.
Ademais, Papá Noel achegarase novamente ás escolas da Pobra, polo que visitará nos días 17 e 20 de decembro tódolos centros educativos de infantil e primaria do termo municipal.
Outra das propostas comentadas para estas datas foi o Mercado do Nadal, situado no Cantón da Leña, que se puxo en marcha no 8 de decembro cun showcooking a cargo de Xaime Chouza, quen cociñou galletiñas de xenxibre e unha chocolatada para toda a veciñanza. Esta particular feira, que estará aberta nas fins de semana ata o día 9 de xaneiro, contará cunha serie de actividades de dinamización como xogos tradicionais (nos días 11 e 18 de decembro), un novo showcooking (no día 12), e música e baile tradicional a cargo das asociacións Arrancadeira, Xiada e Eiradela (nos días 19 e 26 de decembro e 2 de xaneiro, respectivamente).
Doutra banda, o rexedor destacou o esforzo que supón leva-lo Nadal a tódolos recunchos do concello, descentralizando así as actividades municipais. Enxalzou tamén a importancia da participación do tecido asociativo como elemento dinamizador do Mercado do Nadal e animou a tódalas persoas a tomar parte destas propostas, facendo honra ao espírito que preside estas festas.