Finalizadas as obras de mellora do centro de saúde da Pobra do Caramiñal
O centro de saúde da Pobra do Caramiñal foi obxecto dunha mellora integral a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia. O orzamento ascendeu aos 45.000 euros, financiados a partes iguais por ámbalas Administracións.
A intervención traduciuse na renovación de fiestras deste edificio de titularidade municipal, a modernización da zona de lavado de mans de consultas e o pintado interior, así como o arranxo da sala de extraccións e consulta médica de urxencias. Procedeuse, ademais, coa reforma da área de duchas e os baños dos andares 1 e 0.
No que respecta ás obras, a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, puxo en valor “o rápido que se fixeron e o ben valoradas que están por tódolos profesionais do centro de saúde.” Nesta mesma liña, a concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), sinalou que se acometeu así unha reforma demandada polo persoal e pola veciñanza, ademais de manifestar que se agarda que nun futuro se executen outros acordos. Doutra banda, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), fixo fincapé no esforzo que supuxo para as arcas municipais esta actuación que redundará “nunha mellor atención sanitaria.” Finalmente, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, trasladou o apoio da Administración autonómica a este tipo de proxectos.
Na visita ao ambulatorio tamén estiveron presentes, entre outros, a directora de Recursos Económicos, María José López Rebollo; o director do Distrito Sanitario do Barbanza, Salvador Mariño; e a subdirectora médica da Atención Primaria, Ana Turnes.