
Volve o Concurso Fotográfico de Micoloxía, un certame que promove a arte e a conciencia medioambiental
Coa chegada do outono, o Concello retoma o seu Concurso Fotográfico de Micoloxía, que chega neste 2025 á súa novena edición. O obxectivo deste certame artístico é “contribuír á divulgación da micoloxía e á valoración e o respecto do medio ambiente, neste caso valéndonos da fotografía”, explicou a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, durante a presentación desta mañá. A edil animou á veciñanza a sumarse á convocatoria, “aberta a veciños e veciñas de todas as idades”.
Como indicou Ramos, o prazo de participación estará aberto ata o domingo, 2 de novembro, ás 23.59 horas. En canto á inscrición, esta farase enviando o nome, apelidos e o teléfono de contacto ao correo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com. Unha vez completado este paso, cada persoa recibirá unha resposta automática desde a área de Medio Ambiente na que se remitirá a tarxeta de participación. A persoa participante deberá imprimila en formato papel ou PDF e cubrila co seu nome e apelidos.
Cada persoa poderá enviar un máximo de dúas fotografías e cada unha das instantáneas presentadas disporá de dúas réplicas: unha onde se vexa a tarxeta de participación (en formato papel ou no móbil) como medida de control e unha segunda na cal non se vexa este distintivo. Esta última imaxe será anónima e remitirase ao xurado para a súa valoración. A remisión dos traballos poderá facerse, exclusivamente, a través do correo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com ou da páxina web www.wetransfer.es.




