O Elma vivirá unha nova xornada de cine
A proxección da longametraxe A illa das mentiras no 13 de febreiro pechará o ciclo de teatro e cine elaborado para os meses de xaneiro e febreiro na Pobra do Caramiñal. Esta cita cultural desenvolverase no teatro cine Elma, ás 19.00 horas.
O argumento xira arredor do sucedido na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e con 260 persoas a bordo, se afunde fronte á costa de Sálvora. Á falta de homes na illa, tres mozas -María, Josefa e Cipriana- deciden ir no rescate e salvan 48 persoas. Tras este suceso, un periodista arxentino, León, acude a Sálvora para cubri-la noticia do naufraxio e vaise atopando con moitas incógnitas.
Dirixida por Paula Cons, a película conta cun elenco no cal figuran, entre outras persoas, Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Ademais, obtivo varias distincións nos Mestre Mateo do pasado ano.
Igual ca as demais propostas desta axenda cultural, está dirixida a maiores de 14 anos. As persoas que desexen asistir de público poden reserva-la súa entrada de balde na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.