A quinta Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero analiza a situación actual da Pobra
A poucos días de conmemorarse o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal convocou para este 22 de novembro a quinta sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, e na que tamén participaron a Garda Civil, a Policía Local, representantes dos centros educativos, tecido asociativo e técnicas municipais dos Departamentos da Igualdade e dos Servizos Sociais.
Esta mesa eríxese como un instrumento operativo de traballo onde están tódolos axentes implicados na prevención e atención ás vítimas de violencia para así deseñar liñas estratéxicas para a loita contra este problema social e crear conciencia entre a cidadanía ao respecto. Como ben apuntou a edil, “é fundamental cooperar entre tódalas institucións.”
Primeiramente, puxéronse en coñecemento as distintas accións enmarcadas na campaña municipal Desmárcate! con motivo do 25-N, con especial énfase na comunidade educativa como medio para construír unha sociedade igualitaria.
Analizáronse, así mesmo, as dificultades detectadas desde cada ámbito representado na dita mesa cara a prevención das violencias machistas e propoñer, polo tanto, posibles solucións de maneira conxunta. Cada unha/un das/os representantes das distintas áreas coinciden na existencia dun incremento do discurso contrario ao movemento feminista, obstaculizando o camiño cara unha igualdade real entre mulleres e homes.
Os datos reflicten que actualmente hai 23 casos activos de violencia machista na localidade, dos que os corpos de seguridade, tanto a Policía local como a Garda Civil, fan seguimento a través do sistema VioGén.