
A Pobra configura unha mostra de teatro para escolares
A Pobra do Caramiñal engrosa o calendario cultural do mes de marzo incorporando unha mostra de teatro para escolares que se compón dun total de 5 funcións. Terán lugar do 22 ao 28, ás 11.30 horas, no teatro cine Elma.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, explicou que se ofrece un formato diferente respecto aos anos anteriores e que se busca recuperar as saídas ao teatro coa escola. Ao estar destinado aos centros educativos da localidade, non se require a inscrición previa. Asistirán máis de 600 alumnos e alumnas entre o CEP Salustiano Rey Eiras, CEP Pilar Maestú Sierra, EEI Fernández Varela, Monte Carmelo, e unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia.
A primeira das sesións chegará no día 22 con Palma repalma, de Teatro Calavera. Ambientada nun souto encantado onde viven animais e algúns seres máxicos, empregaranse xogos musicais e da maxia para achegar as nosas raíces con cancións tradicionais e populares do noso folclore.
Continuará no día 23 con O libro xigante, de Expresión Produccións. Trátase dun espectáculo de marionetas, contacontos, maxia, animación, clown e música en directo. Esta historia comeza cun libro máxico xigante do que aparecen uns fantásticos personaxes para divertimento do público.
No día 24 será a quenda de Os Trotasongs, de Conticánticos, onde unhas misteriosas personaxes aparecen en escena na súa nave para compartir coas persoas asistentes o seu máis prezado segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súas viaxes a través do tempo e do espazo.
Xa no día 25, Isla Letriska presenta Letriska Inmobile, que combina disciplinas de novo circo e clown con excentricidades e xogos co público.
O ciclo chegará ao seu fin no día 28 con A feira das linguas, de Lydia Botana. Consiste nun teatro musical para que as nenas e os nenos se acheguen á historia da nosa lingua coas cancións en galego-portugués ata os ritmos máis actuais como o trap ou o rap.
O dito programa está organizado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.