Alumnado do CEIP Plurilingüe de Artes coñeceu os recursos marisqueiros da Pobra
Unha trintena de alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe de Artes achegouse á Pobra do Caramiñal para participar no obradoiro mariñeiro dirixido a centros educativos que tivo lugar no 17 de marzo e que organiza a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración coa Asociación Mar da Pobra.
Desprazáronse ata a praia dos Raposiños, onde a rapazada foi recibida por unha das técnicas do Turismo do Concello, quen lles explicou a actividade para, posteriormente, coñecer da man das propias mariscadoras os bivalvos que atesouran os areais da localidade e os aparellos que se empregan para a súa extracción.
A finalidade destas visitas-experiencia é achegarlles ás xeracións máis novas o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe con esta acción á desestacionalización da demanda turística.
A dita iniciativa dirixida a centros de ensinanza de toda Galicia continuará nos vindeiros meses.