Prealerta hidrolóxica en toda Galicia-Costa
A Xunta de Galicia informa de que actualmente estamos nun estado de prealerta hidrolóxica en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa; unha situación que xa se vén dando dende o día 7 de febreiro, cando se activou, dende a ría de Baiona ata a de Betanzos, o estado de prealerta hidrolóxica con base nos indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos recollidos no Plan de seca que rexistraron uns valores inferiores aos normais de forma continuada.
Constituíuse, polo tanto, a Oficina Técnica da Seca (OTS) para realizar unha eficiente xestión da situación e para pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír, na medida do posible, os efectos dun eventual escenario de seca. Así, na reunión do día 6 de maio, púxose de manifesto que os índices de estado empeoran en toda a demarcación, pero sen chegar aos limiares previstos para a declaración do estado de alerta e as reservas de auga nos encoros de abastecemento están en situación de normalidade, aínda que os caudais fluentes seguen a ser moi baixos e que as achegas a eses embalses se atopan por debaixo da metade da media para esta época do ano.
Dado que no verán se incrementa a demanda de auga, búscase, ademais, a implicación da cidadanía para adoptar medidas de aforro e uso responsable.