
A Pobra pon en marcha varias medidas para uns festexos do Nazareno libres de agresións machistas
Co obxectivo de contribuír a unhas celebracións do Nazareno libres de agresións machistas, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), volve poñer en marcha unha serie de medidas igual ca en anteriores eventos festivos.
Disporase así dun dispositivo de coordinación entre a Administración local, a Policía local, a Protección Civil e tres establecementos hostaleiros do municipio para dar unha resposta máis efectiva a unha situación de violencia sexual ou agresión machista durante o ocio nocturno dos días 16 e 17 de setembro.
Habilitaranse catro espazos do concello como Punto Violeta con persoal instruído: os locais Barquiña, La Embajada e Verocca, así como unha área na contorna da praza Alcalde Segundo Durán. Contarán cuns distintivos de cor violeta que acreditan a súa condición de zonas seguras.
Repartiranse, ademais, dípticos informativos co decálogo contra a violencia sexual e recursos telefónicos, e adhesivos a modo de tapa para os vasos como medida contra a submisión química. Son dun só uso para así advertir se o recipiente foi manipulado unha vez servida a bebida.