
O pregón da Protección Civil da Pobra marca o inicio dos festexos do Nazareno
As celebracións regresaron ao municipio pobrense no 16 de setembro co Nazareno, Festa de Interese Turístico Galego, que se estenderán ata o día 19. A Protección Civil recibiu o afecto da sociedade durante o pregón ofrecido a última hora da tarde dende o balcón do consistorio; acto que marca o inicio dunha programación que recupera a normalidade previa ao coronavirus.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), enxalzou o traballo diario que desenvolven os voluntarios e as voluntarias; un cometido que se viu especialmente acentuado durante a pandemia. E a importancia desta agrupación fíxose notar de maneira particular durante os incendios do pasado mes de agosto. Na súa intervención, o mandatario local tamén puxo en valor o traballo da comisión de festas representada polo seu presidente, José García, na organización de distintas actividades, tanto relixiosas coma lúdicas.
No nome da Protección Civil, Óscar Durán pronunciou o discurso. “Eu teño unha importante conexión con estas festas. Como moitos saberedes, hai trece anos fun un dos ofrecidos na procesión. Síntome moi honrado de poder dar este pregón”, declarou. Fixo fincapé no compromiso da agrupación de axudar aos demais, botar unha man en situacións de distinta natureza. Un labor polo que non reciben retribución económica ao pertencer ao ámbito do voluntariado, pero que “é moi gratificante descubrir que polo mundo adiante hai moita xente que dedica o seu tempo a axudar porque si. Asegúrovos que cando chegas á casa éncheseche o peito pensando no feito nese día.” Outro aspecto que quixo destacar foi o da colaboración entre as agrupacións de distintos municipios e a Policía local, como se exemplifica no Nazareno. E, tirando de humor, manifestou que semella que a Protección Civil ten un aire ós cazafantasmas, pois, ante calquera problema, recórrese a este equipo. Tamén falou outro dos membros, Alberto García, quen quixo agradece-lo agarimo e axuda que sempre amosa a veciñanza.
A rúbrica dos integrantes quedou plasmada no libro de honra do Concello.
O espírito festivo continuou durante a noite co tributo Ciao Raffaella, o concerto da banda local Moito! e a Macro Disco Chocolate.
As citas culturais sucederanse nas vindeiras xornadas con numerosas sesións musicais, a festa Holi e o grande espectáculo de fogos artificiais. A vertente relixiosa estará protagonizada pola procesión votiva das mortallas que sairá no domingo 18, ás 10.30 horas, da igrexa de Santiago do Deán.