Clausura do curso de 2022 do programa de envellecemento activo na Pobra
A veciñanza participante no programa de envellecemento activo da Pobra do Caramiñal recibiu na tarde do día 14 de decembro os diplomas que acreditan a súa asistencia á impartición dos contidos no curso deste 2022.
As trinta e catro persoas participantes recibiron o título da man da concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG); do director do Centro Sociocomunitario e de Benestar da localidade, Ricardo Lago; da presidenta da Cruz Vermella de Boiro, Rosa Abuín; e do profesor Ignacio Crespo.
Retomouse así unha nova edición trala paréntese ocasionada pola pandemia e coa finalidade de potencia-lo benestar persoal da cidadanía maior, así como evitar ou atrasa-la súa deterioración física e cognitiva.
Seguindo unha metodoloxía participativa e dinámica, o dito programa estruturouse en dous cursos: envellecemento activo e musicoterapia.
A edil valora positivamente este tipo de iniciativas cuxos beneficios van máis alá do ámbito físico e cognitivo, ao ter tamén impacto na interacción social. Informa, polo tanto, do compromiso de repeti-la experiencia e afirma que se valorará ampliala e incrementa-la oferta de disciplinas como, por exemplo, o baile, unha das demandas alí expostas.