A inserción laboral centrará unha nova charla-formativa na Pobra
O concepto de Empresa de Inserción Laboral, o emprego nesta tipoloxía de entidades, a cualificación das persoas traballadoras delas e o proceso de creación das ditas sociedades son os catro piares sobre os cales se sustenta a charla-formativa As Empresas de Inserción Laboral como instrumento de inclusión social.
Este coloquio impartirase no 26 de xaneiro, ás 11.00 horas, na Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal da man da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), a Concellaría da Promoción Económica e a cooperativa Dálle que Dálle. A edil Amparo Cerecedo incide en que esta acción ten como finalidade “dar a coñecer esta alternativa de inserción no mercado laboral, especialmente pensada para colectivos de persoas en risco de exclusión social, polo cal tamén constitúen un instrumento con grandes potencialidades na loita a prol da cohesión social.”
Non se require a inscrición previa.