Os colectores de téxtil da Pobra recolleron 35’23 toneladas no pasado ano
Darlles unha segunda vida a aquelas pezas de roupa que xa non se usan: esta é a premisa do proxecto da reciclaxe de téxtil existente na Pobra do Caramiñal cunha ducia de colectores repartidos pola súa xeografía. Trátase dunha fórmula para lles dar unha nova utilidade á roupa e ó calzado que acadou as 35’23 toneladas no pasado ano; cifra que descende con respecto a 2021, cando se estivo a piques de chegar ás 40 toneladas, segundo apunta a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra).
O número de entidades que efectúan a recollida son tres. A empresa de inserción sen ánimo de lucro Arroupa (cor vermella), unha iniciativa promovida por Cáritas, dispón de contedores na Virxe do Monte, O Xobre, A Angustia e Caíños. Humana (cor verde) ten presenza na rúa Gasset, na rúa Rafael Dieste, na rúa San Lázaro e en Caíños. E Texlimca (cor azul) conta con puntos na rúa Díaz de Rábago, no recheo, no paseo dos Areos e na rúa Venecia-Pintor Laxeiro.
Cáritas rexistrou o maior volume, cun total de 13’45 toneladas, seguida de Humana, con 12’41, e de Texlimca, con 9’37.
A finalidade da vestimenta que sae destes colectores é diversa, ben sexa con fins sociais ou para a fabricación de materia prima para outros produtos. Unicamente se permite depositar pezas de orixe doméstica, tales como roupa do fogar, de vestir, complementos, calzado e outros elementos con compoñentes téxtiles, como peluches.
Neste senso, a edil fai fincapé na importancia dos tres R (reducir, reciclar e reutilizar), ademais da separación na orixe para evitar que o téxtil acabe no contedor xenérico.