A Pobra amosa a súa repulsa ao feminicidio de Palmeira cun minuto de silencio
Membros da corporación municipal, persoal do Concello e veciñanza da Pobra do Caramiñal concentráronse ás 12.00 horas deste 20 de marzo fronte á casa do concello para gardaren un minuto de silencio por causa do feminicidio sucedido na tarde de onte en Palmeira.
No inicio, o alcalde, José Carlos Vidal, dirixiuse ás persoas presentes para explicar que esta é unha forma de lles transmiti-lo pésame e apoio á familia e amizades da moza asasinada, ademais dun acto de rexeitamento ante este crime machista. Tamén se pretende así amosa-la solidariedade coa veciña localidade de Ribeira, conmocionada por este terrible suceso. O rexedor salientou a importancia de seguir traballando arreo para erradica-la violencia machista.
Así mesmo, o Concello da Pobra do Caramiñal súmase á concentración que terá lugar neste mércores, 20 de marzo, ás 20.00 horas, na avenida do Malecón de Ribeira, ao lado da Capitanía Marítima, ademais de secunda-la convocatoria efectuada por Jealsa nas inmediacións das súas factorías presentes na comarca.