Retirados 67 quilogramos de lixo da praia da Lombiña-Cabío a través do voluntariado ambiental cos colexios da primaria
A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal sumouse á XIII Limpeza Simultánea de Praias convocada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) cunha retirada de lixo do areal da Lombiña-Cabío no 29 de outubro.
Dende a Administración local optouse novamente por implica-la comunidade educativa coa participación dos colexios da primaria da localidade. Así, arredor de cincuenta alumnos/as (corenta de 6º. curso do CEP Salustiano Rey Eiras e dez do 3º. curso do CEP Pilar Maestú Sierra) liberaron a dita praia de 67 quilogramos de residuos nesta xornada de voluntariado ambiental.
A este respecto, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, explica que “dáselle así continuidade ás actividades de sensibilización que levamos a cabo cos centros de ensinanza, nesta ocasión, involucrando ao alumnado da primaria. Toda a sociedade debe estar concienciada sobre a importancia do coidado da nosa natureza, das nosas contornas mariñas, do respecto ao medio ambiente. E cremos que aquí é fundamental traballar coas novas xeracións para construír un futuro máis sostible.”