O Concello da Pobra coloca os tradicionais arranxos florais a García Martí, a Mariquiña e a Devoto Fantoni
Como cada ano por estas datas, o Concello da Pobra do Caramiñal realizou o tradicional recoñecemento institucional a García Martí, a Mariquiña e a Devoto Fantoni, persoeiros do ámbito cultural, en formato de arranxos florais nas súas sepulturas.
O alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González; desprazáronse neste 31 de outubro ata o cemiterio de Santa María a Antiga do Caramiñal para colocar unha coroa de flores no nicho onde descansan os restos do escritor e xornalista Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade.
E, deseguido, foron ao camposanto de San Isidro de Postmarcos, onde está a tumba de María de la Encarnación Beatriz Baltasara del Valle-Inclán Blanco, Mariquiña -nacida no pazo da Mercé e filla de Ramón del Valle-Inclán e Josefina Blanco-, e o seu marido, o novelista Daniel Jesús Devoto Fantoni.